lunes, 25 de febrero de 2013

O xoves de entroido


O mércores o Meco deunos outro mandato para o xoves:

Chegamos ao final do camiño
e unha boa temos que armar.
Por iso este xoves
un circo debemos montar.

 

Por iso o xoves fomos de personaxes do circo: Larisa, Kati, Leo e eu de pallasos, Andra, Gabriel, Julio, Noa e Joni de animais, Carlos de mago, a profe Loli de domadora e a profe Marta de forzuda. Ademais trouxemos pesas, un cabaliño de madeira, un látego, un corno...


A entrada do cole tamén estaba decorada cunha gran carpa do circo e todo o cole veu moi ben disfrazado.


Vimos vídeos do entroido e fixemos xogos moi entretidos.

Foi moi divertido! 



Álex e Julio




 

jueves, 21 de febrero de 2013

Mércores de entroido

Cando rematou o martes, había un novo mandato do meco:

Despois da paparota de hoxe,
adelgazar un pouco debemos.
E por iso mañá
algo de deporte faremos.

As profes de 5º e 6º, que son as nosas, viñan moi ben. A profe Loli de ciclista, con toda a roupa e ata trouxo unha roda. A profe Marta de motorista, co traxe, o casco e unha perruca.

Nos viñemos de moitas cousas: Roberto, Álex, Julio, Carlos, Noa e eu de futbolistas. A nosa compañeira Kati de xogadora de balonmán e Larisa de boxeadora. Leo e Grabriel disfrazáronse de tenistas e ata tiñan unha raqueta. 
 
Os outros alumnos e profesores do cole tamén viñeron moi ben disfrazados: de xogadores de baloncesto, de fútbol,de badminton, boxeadores, tenistas...

Pasámolo xenial! Foi unha das mellores semanas da nosa vida.


Joni

martes, 19 de febrero de 2013

O martes de Entroido


O luns a última hora, o Meco deu o seguinte mandato:

Mañá martes será
o día dos larpeiros.
Preparade os utensilios
de todo bo cociñeiro.


A maioría dos nenos do cole viñeron de cociñeiros ou con algún utensilio.

A profe Loli de 5º e 6º tiña posto un mandil de cociña e moitos utensilios colgados. Tamén trouxo un ovo xigante nunha tixola.


A profe Marta de 5º trouxo un mandil de cociña, utensilios, a cara manchada con fariña e un pasteliño moi rico (Pero era de mentira!)

As profes de infantil fixéronlles aos nenos un mandil e elas tamen se fixeron un e tamén un gorro.

Nos viñemos de grandes cociñeiros.

Foi un día moi divertido!

Larisa.
 


lunes, 18 de febrero de 2013

O luns de Entroido




O venres 1, o Meco dixo: 
 
“Aínda que chova e chova
poñamos imaxinación,
xa que ao chegar o luns
á praia imos de excursión”


Por iso, o luns trouxemos, entre outras cousas: bañadores, manguitos, flotadores, chanclas, gafas de sol e de mergullo, pelotas, unha táboa de surf, un parasol, toallas... 


 
No recreo incluso nos botamos un pouco de crema e tomamos todos xuntos o sol e xogamos.

¡Pasámolo moi ben!


Carlos e Andra







 

miércoles, 6 de febrero de 2013

O día da Paz


O mércores 30 de Xaneiro, todos os rapaces de Covadonga e Eiroás xuntámonos para celebrar o “Día da Paz”.

 
Durante a semana anterior preparamos un símbolo da paz en cartolina e cada ciclo o levaba dunha cor.

 

O primeiro que fixemos ao chegar ao cole de abaixo foi un baile entre todos os alumnos de Primaria. Cando rematamos, cantamos unha canción de Maná chamada “Queremos paz”.


A continuación, fixemos un círculo grande ao redor dos nenos de Infantil, que tamén se puxeron en círculo agarrados das mans para facernos un baile mentres cantaban unha canción.



Para rematar, fixemos de novo o baile porque nos gustara moito.

Foi un día xenial onde so reinou a paz.


lunes, 4 de febrero de 2013

Encontro co autor


O venres día 1 de Febreiro, os alumnos de 5º e 6º de Covadonga e Eiroás, fomos de excursión ao colexio dos Rosais. Alí tivemos un encontro co autor dun libro que leramos na clase: “Exogamia 0.3”. 

 
Cando chegamos ao colexio, puxémonos a xogar cos demais nenos e despois entramos nunha sala onde estaba Ramón Caride, o autor do libro. 

Unhas rapazas do colexio fixeron unha pequena presentación sobre a súa vida e as súas obras máis importantes. Cando terminaron, Ramón Caride falounos un rato e despois deixounos facer moitas preguntas entre as que destacamos:

    • Qué lle inspirou a facer este libro?
      * Nada. Eu digo que a inspiración non existe, que so existe o traballo duro.
    • Costoulle moito traballo escribir o libro?
      * Sí. Tardei moito tempo en documentarme sobre o que quería falar.
    • Existe a consola e as pastillas das que fala?
      * Non. Á consola tívenlle que por un nome inventado, senón as marcas coma Sony, PlayStation, Nintendo e demáis podíanme denunciar. As pastillas tampouco existen, pero saquei a idea dunha noticia que lera no periódico fai tempo.

        

    • Qué pensa vostede sobre a enerxía nuclear?
      * Creo que é moi perigosa.
    • De todos os premios que lle concederon, Cal foi o que máis lle gustou?
      * O que máis me gusta non son os premios, senón que moitos nenos coma vos e moita xente lea os meus libros.
    • O libro ten algo que ver coa súa profesión ou con algo que lle pasase?
      Non, non ten nada que ver. É un traballo de documentación e non está baseado na miña vida.

Gustounos moito a súa profesión de Biólogo e que a pesar de que cando comezou a escribir ningunha editorial lle quería os libros, el non se rendiu. Imprimiunos pola súa conta e deullos a súa familia.